Álvaro Goyanes, un riocabense no cume da investigación científica

Este luns 21 tivemos a inmensa sorte de contar entre nós con Álvaro Goyanes, un exalumno do Río Cabe, investigador de élite na impresión 3D de medicamentos, para impartir unha charla a alumnos de 2º de BAC. 

Álvaro Goyanes, licenciado en Farmacia, é actualmente director de Desenvolvemento e cofundador da empresa FabRX, que é a primeira compañía adicada á impresión 3D de medicamentos personalizados, con sede en Londres. Igualmente é Profesor Honorario na University College London-School of Pharmacy do Reino Unido e profesor a tempo parcial na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. Ten publicados unha grande cantidade de artigos científicos e tamén forma parte da lista dos investigadores máis salientables do mundo en 2019 e 2020, elaborada por Web of Science.

 

Na charla dirixida aos alumnos, Álvaro Goyanes falou da súa estancia no IES Río Cabe como alumno, dos estudos de Farmacia que realizou en Santiago de Compostela, onde tamén obtivo o grao de Doutor, así como da súa estancia na University College London, onde se adentrou no mundo da impresión 3D. Alí tivo claro o seu obxectivo: a personalización dos medicamentos. Ao mesmo tempo deuse conta que para lograr este obxectivo, tiña que introducir impresoras 3D nos hospitais para que os farmacéuticos puderan producir as fórmulas personalizadas para cada paciente en tempo real. Como non existía a tecnoloxía para facelo, tivo que porse mans á obra. Con outro compañeiro fundou a empresa FabRx, encargada de deseñar a primeira impresora 3D para uso farmacéutico do mundo. Toda unha fazaña dado que non existe nada semellante no mundo. 


Para comprobar o funcionamento deste sistema, a súa empresa, FabRx realizou o primeiro estudo clínico de medicamentos impresos en 3D, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Hospital Clínico de Santiago. Este estudo foi dirixido a rapaces que padecen unha enfermidade rara coñecida como enfermidade dos ouriños con cheiro a xarope de arce. Efectuaron a impresión de gominolas coa dose do medicamento personalizada a cada paciente, logrando unha grande aceptación.

Para rematar, Álvaro animou aos alumnos presentes a facer investigación científica e a perseverar nas súas inquedanzas, iso si, sabendo que para conseguir o éxito é fundamental o tesón, o sacrificio e moitísima dedicación ao traballo.

Moitas grazas, Ávaro, foi un pracer escoitarte e estamos desexando volver a contar coa túa presencia no IES Río Cabe, lugar ao que sempre pertencerás. Noraboa Riocabense!!!!!!



 
 Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador

 


0 comentarios: