Mostrando entradas con la etiqueta Bibliotecas Escolares. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Bibliotecas Escolares. Mostrar todas las entradas

I Liga de Debate Escolar

 O mércores 18 de marzo, o alumnado de 3.º e 4.º de ESO participou na I Liga Escolar de Debate organizado por Bibliotecas Escolares. A actividade, que se celebra en diferentes centros educativos de Galicia, levou hoxe ao noso almnado ao IES Lucus Augusti, acompañados polas profesoras do Club de Debate do centro, Pilar López e Silvia Ferrín. Non pasaron á seguinte fase, pero fixérono xenial! Agardamos que o ano que vén continúe esta proposta das Bibliotecas Escolares e que poidamos seguir participando. 


Publicado por Paula Martínez

 

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares

O pasado 8 de marzo tiveron lugar en Santiago os Encontros de Bibliotecas Escolares para todos aqueles centros integrados no Plan de Mellora (Plambe), un programa que tenta facer da biblioteca o "corazón da escola"
.  
Os encontros versaron sobre o cambio de rol da biblioteca, non tanto conservadora do saber, senón orientadora da saturación informativa nun mundo onde se están a producir cambios equiparables aos que aconteceron no Renacemento, segundo resaltou Josep María Pérez Tornero (UAB).  O papel da biblioteca como factor de compensación social foi posto en relieve por Ana María Escudero, do IES Lagoa de Antela, a través do empréstito de ordenadores ou do uso da impresora na biblioteca; e por Rosana Rodiles, do CEIP de Pazos, facendo da biblioteca un referente e motor igualador en centros onde o alumnado se atopa en risco de marxinación social. 

Nos encontros por zonas reflexionouse sobre a potenciación dos fondos científicos da biblioteca, do xeito de facelos visibles e fomentar o seu uso; da importancia da compensación de desigualdades, por medio das mochilas viaxeiras ou das visitas de escritores; da  autoavaliación da biblioteca, de como estabelecer mecanismos que indiquen o que se está a facer ben ou o que hai que cambiar e reorientar; do papel fundamental da "Hora de ler" para a formación de lectores.  E todos e todas estivemos de acordo na necesidade de concreción da figura do bibliotecario escolar: a falta de lexislación concreta converte ao bibliotecario nunha figura que depende en grande medida da boa vontade dos equipos directivos dos centros, da implicación dos claustros, e das horas que se rouban na casa ao descanso e ás familias.

O escritor Agustín Fernández Paz encargouse da última conferencia.  Rememorando como naceu o seu amor pola lectura, na pequena biblioteca que tiña o seu pai na casa natal de Vilalba, nos libros dos amigos, nos relatos que a veciña contaba ao carón da lareira... falou da construcción do lector.  Pero, que pasa cando na casa non hai libros, non se contan contos?  Agustín afirmou que, se iso non ocurre, é cando "agora entramos nós": os docentes, a biblioteca, os "sementadores de futuro".

E, efectivamente, neses encontros constátase que hai moitos "sementadores de futuro", docentes entusiastas, dispostos a dalo todo por que o seu alumnado ame a lectura, os libros, o saber.  Víase nas caras, nas conversacións, nos materiais expostos... e na constatación de que, detrás de todos eles, existen equipos de biblioteca compartindo idéntico entusiasmo.


IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Esta fin de semana celebráronse as IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Baixo o título "Ler para ver", e cunha impecable organización, especialistas do mundo do libro e da lectura e docentes falaron da necesidade de conectar as nosas bibliotecas á realidade heteroxénea de Internet e os medios audivisuais.

Entre os docentes que formamos parte dos equipos de bibliotecas -inmigrantes dixitais-, e o noso alumnado -nativo dixital- non existe unha brecha insalvable.  Todo o contrario: podemos e debemos ensinar a "saber leer el libro del mundo", expresión empregada por Fabio Tropea, primeiro ponente das Xornadas.

Así, pois, as bibliotecas do século XXI deben estar abertas á entrada da prensa, do vídeo, do cine, dos videoxogos, da banda deseñada, da arte, da rede... co obxectivo de formar usuarios críticos e competentes, que saiban manexarse neste vasto mundo.




Para saber máis: IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

BE en tránsito

Durante tres intensos días, hemos estado en Santiago en el congreso que sobre bibliotecas escolares allí se ha celebrado. Se ha hablado de BE, lectura, nuevos soportes, escritura, dinamización, evaluación, experiencias, análisis, dinamización, futuro, perfil, dificultades; pero también de personas, humanismo, emociones, recuerdos y , sobre todo, de la importancia de la palabra.
Y como colofón a todo lo que allí se ha dicho, nada mejor que ceder la palabra a esta mujer, Chimamanda Adichie, que resume, perfectamente, la experiencia personal sobre la lectura y la escritura en estos tiempos en los que nos ha tocado vivir.


Si quieres oír la conferencia inaugural, a cargo del ministro de Educación, Ángel Gabilondo, pincha aquí.
Si prefieres ver los vídeos de las sesiones, aquí.

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:




Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?
Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)