Exposición: Educación en feminino. Un paseo pola historia, 34 educadoras do pasado e do presente.

 Nestes días, e ata ben avanzado Outubro, temos en Bibliocabe a  exposición: Educación en Feminino. Trátase de 34 pósters elaborados polo alumnado do Grao en Mestre de Educación Primaria e Dobre Grao en Primaria e Infantil na materia de THEE da Facultade de Formación do profesorado da USC.
Con esta exposición preténdese recoñecer e homenaxear a unhas poucas mulleres, referentes en educación, normalmente descoñecidas para o gran público e memo para os profesionais do ensino. Coñeceremos a vida e obra de Safo de Lesbos, Hipatia de Alexandría, María Montesori, Emma Goldman, Anne Sullivan e Hellen Keller, Gabriela Mistral, Josefina Aldecoa, María de Maeztu, Elisa Sánchez e Marcela García............Este "paseo pola historia" intenta contribuír a poñer en valor e difundir o legado pedagóxico destas mulleres, o da "educación en feminino".

Tódolos nosos alumnos están a pasar pola Biblioteca, no horario asignado a cada curso e grupo, co fin de visitar a exposición e de empaparse do espírito, sabedoría, valentía e historia destas grandes descoñecidas.

Dende Bibliocabe queremos agradecer o labor realizado polo noso  ex-alumno e colaborador, Iván Castro Álvarez ao darnos a coñecer esta magnífica exposición, facilitarnos o ter acceso a ela, e ao ser o coautor dun dos pósters máis especiais: o de Safo de Lesbos. Graciñas, Iván!!!!


Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador




Lendo en feminino: Safo de Lesbos e Hipatia de Alexandría.

 Como ben sendo habitual en Bibliocabe, abrimos unha nova sección de recomendacións lectoras: Lendo en feminino. Trátase dunha sección na que intentamos dar a coñecer a mulleres especiais e grandes descoñecidas. Comezamos con dúas figuras lexendarias: Safo de Lesbos e Hipatia de Alexandría.

Safo de Lesbos foi poetisa e dela consérvanse 200 fragmentos (o 10% da súa obra) . Platón definirá a Safo como a décima musa, xa que os seus poemas tiñan unha beleza semellante a estas. Na súa Academia para mozas, ensinaba danza, música, poesía, artes escénicas...

Hipatia de Alexandría foi a primeira muller en facer un labor considerable no campo das matemáticas e da astronomía. Inventou o astrolabio plano, o hidroscopio, un aparello de destilación da auga..Estudou as ecuacións de unha e dúas incógnitas, as circunferencias, o movemento dos planetas. Impartiu leccións de matemáticas, física, astronomía e filosofía.

Se queredes saber máis destas dúas fascinantes mulleres só tedes que sumerxirvos nos libros que de seguido vos recomendamos. Agardamos que vos gusten!!!


Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador