Para conmemorar o Día Mundial da Poesía, o IES Río Cabe organizou o concurso de recitado que leva por título "Poetízate", facéndolle un guiño á antoloxía poética de Fran Alonso. Durante o recreo alumnado de distintos cursos recitou algúns versos célebres en linguas diversas: castelán, galego, chinés..., sen esquecer textos de elaboración propia.
Neste recital tivo un oco moi especial a poesía composta por autoras, xa que a actividade se enmarca dentro da programación do bloque temático "Palabras de Muller" que se desenvolve durante a segunda avaliación dentro de Donas de Si (Plan Proxecta) e constituíu a primeira fase da V edición do Concurso escolar de recitado poético "Rosalía sempre viva" para o que se clasificaron as seguintes alumnas:
Categoría da ESO:
- África Coba Albo (1º ESO B)
- Zeltia Pérez Barrientos (2º ESO B)
Categoría de Bacharelato:
- Sandra Rodríguez Macía (1º BAC A)
- Lucía Rodríguez Abellano (1º BAC B)
A fase final terá lugar o sábado 6 de abril na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei.
De forma paralela, en colaboración coa biblioteca realizouse unha exposición bibliográfica de obras significativas deste xénero.
Ademais, o alumnado tivo a ocasión de gozar de anuncios poéticos recortables, onde podían facerse coa referencia bibliográfica da que foron extraídos os textos e, como podedes apreciar nas fotos, tivo moito éxito.
Hoxe esa linguaxe universal que é a poesía, máis que nunca, fíxose nosa.
0 comentarios:
Publicar un comentario