Xesús M. Marcos: O Brindo de ouro


O día 12 deste mes estivo connosco o escritor Xesús Manuel Marcos para falarnos do seu libro O brindo de ouro. É este un libro de aventuras, de carácter fantástico, que nos pode facer recordar a Harry Poter. Os personaxes principais son o xove Selmo, impulsivo e cheo de inocencia, Oulego, o home salgueiro e "dicidor de palabras" que non pode durmir por medo a converterse en lobishome, e Toimil, unha especie de cabaleiro andante, namorado e valente guerreiro. Os tres terán que vencer unha morea de dificultades para recuperar o Brindo de ouro, corno máxico que fai invulnerable á súa xente.
Xesús Manuel Marcos estudou Dereito e vive na actualidade en Madrid.No comezo da charla falounos de recordos da infancia no Courel, dos seus inicios na lectura, de anécdotas da súa época de estudante. Fixo COU neste centro e algúns profesores tivemos a sorte de telo como alumno e disfrutar dos seus primeiros escritos.
A seguir, Xesús Manuel explicounos os motivos que o levaron a escribir unha novela xuvenil, máxica, que nos fala dun pasado mítico, dos premios conseguidos e dunha segunda parte que está a punto de saír.
Entablou logo un coloquio moi animado co alumnado. Os rapaces fixéronlle diversas preguntas sobre diferentes aspectos da novela: cal foi a súa inspiración para buscar o nome dos personaxess, por que identifica cada aldea cunha profesión, se as lendas que aparecen son da súa inventiva o as rescatou dos seus maiores... El mesmo fixo participar a todos os alumnos facéndolles tamén preguntas tales como cal foi o seu personaxe preferido. A isto respondéronlle que fora Lombán, o lobo albino de Selmo.
Ó final da charla un grupo de alumnos achegouse cos seus libros para seren asinados polo autor.
Agradecemos o esforzo que supuxo para Xesús Manuel vir dende Madrid para estar unhas horas connosco. Agradecemos tamén o seu ofrecemento para volver visitarnos dentro de dous anos para falanos do poeta tamén courelao Novoneyra, que, por certo, hai anos deu un inesquecible recital de poesía no noso centro. Adiantounos que no ano 2010 será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.
Queremos recordarvos desde aquí que o día 31 de maio faremos unha excursión á Devesa da Rogueira, espazo que ocupa gran parte da novela. Xurxo, o noso profesor de relixión e irmán de Xesús Manuel, fará de guía. Coñeceremos moitos dos lugares nos que transcorre a acción. E quen sabe se atoparemos a fermosa Lucenza! Pero coidado, quizais intente engadar a algún profesor ou alumno para que quede con ela na súa lagoa. Oulego foi quen de resistir ós seus encantos, poderedes vós?
Por Mª Xesús Vila Quiroga

1 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu lin unha entevista feita a Xesús Manuel Marcos, moi interesante por certo, na que dicía que a xente que comentaba que o libro se parecía ó de Harry Poter non entendera verdadeiramente o libro.