Outubro chega con
dúas efemérides que, como biblioteca, nos encantan: o Día das escritoras
(15/10) e o Día das Bibliotecas (24/10). Este curso tivemos a
oportunidade de realizar unha actividade que se fai eco da importancia destes
dous exes vertebradores do coñecemento, nos que fai fincapé o cartel deste
curso: Sen profesionais, non hai bibliotecas.
Así, a nosa biblio acolleu hoxe un obradoiro
dirixido por Ana Carreira, dramaturga, narradora oral e actriz. Ademais da súa longa traxectoa nas
táboas, tamén deixa a súa impronta sobre o papel e acadou o IV Premio Varela
Buxán de dramaturxia pola peza Un
intre antes do solpor e o XII Premio Manuel María de literatura infantil
pola peza Nin me
amoles, que tiñamos na nosa biblioteca e que moi agarimosamente nos asinou.
A actividade, organizada en colaboración co EDLG, estivo dirixida a alumnado de 2.º de ESO e combinou a reflexión sobre a situación da lingua galega coa creación artística: a partir de imaxes e titulares de xornais achegados pola autora, os nosos estudantes traballon a inspiración, a escrita e a composición estética a través da técnica do collage. Algúns atrevéronse a rimar (unha igualdade efectiva e real, falando galego imos lograr);outros vinculárono ao fútbol (Borja Iglesias coa selección, levou o galego ata Nova Iork); e os máis sentimentais apelaron ás nosas emocións (os pobos únense, a xente xúntase e os corazóns mestúranse, mentres a lingua galega namora ás persoas). No blog do EDLG podedes ver máis fragmentos dos textos producidos polos estudantes.
Gracias á organización por achegarnos esta oportunidade, a Ana Carreira pola súa paciencia e parabéns aos nosos rapaces polo seu esforzo e implicación!
Publicado por Paula Martínez.










0 comentarios:
Publicar un comentario