Os alumnos de antropoloxía de 1º de BAC do IES Río Cabe, coordinados pola profesora, Flor Lemos, realizaron unha exposición sobre personaxes do entroido. Con este traballo, ademáis de dar a coñecer figuras como o Oso de Salcedo, os Troiteiros de Bande, os Merdeiros de Vigo, a Pita de Eiroás, ..., téntase facer unha reflexión sobre esta festividade.
Recolleron teorías sobre a súa orixe que van dende a idolatración de Carna, deusa das fabas e do touciño, pasando polas antigas celebracións na honra do deus do viño, Dionisos, as festas de tolos medievais, ata os ritos prehistóricos relacionados coa fertilidade das terras, mulleres e gando.
Tamén indagaron no seu significado antropolóxico facendo ver como esta festa simboliza a entrada nun novo ciclo no que se rompen os vellos esquemas do inverno e ofrece unha esperanza de vida.
Asimesmo reflexa o triunfo do público sobre o privado, fomentando a solidariedade e o esquecemento das diferenzas.
En definitiva, amosáronnos un entroido como tempo de excesos, momentos festivos, símbolo da vida e fertilidade, esceario de burla e crítica social e política e como inversión da normalidade cotiá.
Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador
0 comentarios:
Publicar un comentario