Un momento: Imos contar un conto

Relaxación, comodidade e atención son os tres ingredientes esenciais que un precisa para elevarse ó mundo dos soños a través dun conto. Esta mesma sensación a experimentamos os alumnos de 2º de B.A.C. o pasado luns pola tarde na biblioteca do centro nun espectáculo de contacontos realizado pola parella Tropa de trapo.
Na biblioteca, durante a primeira hora das dúas que duraba o espectáculo, a luz diminuíu nun ton laranxa, cálido, e Brais e Marta, ou Tropa de trapo, cos seus marabillosos relatos e historias converteron o espazo nun lugar afastado da realidade, envolto por miles de sensacións e pensamentos que recollía o aire do ambiente. As nosas emocións aumentaban co acompañamento instrumental que Brais realizaba cando Marta nos contaba as súas fermosas historias procedentes de oriente.
Durante a primeira parte da actividade, a parella relatou historias de diversa temática combinando diferentes culturas coma a árabe ou a galega. Os seus contos estiveron cheos de tenrura e amor, pero en todos se percibía certa tristura e melancolía. Outros, ademais disto, mostraban un forte realismo rebaixados cun toque de humor.
Na segunda hora que durou o espectáculo, os alumnos dividímonos en dous grupos, quedando deste modo uns na biblioteca con Brais e os demais noutra aula con Marta. Nesta segunda parte, o contacontos converteuse nunha especie de taller no que aprendemos cousas como a importancia de mirar a unha persoa, ou en como deixar voar a nosa imaxinación para crear o noso propio conto de maneira espontánea.
Por María Carballo, 2º BAC

0 comentarios: