A NOSA ESTACIÓN

A porta-estación da Biblioteca xa está rematada e deixounos máis que asombrados a todos os que a contemplamos. Un magnífico modo de adentrarnos a ese espazo que renova estes días as súas vitrinas cunha completa colección de obxectos que o coleccionista monfortino Jose Luis Montero nos prestou. Tamén contribuiron alumnos, profesores ou a asociación monfortina de amigos do ferrocarril. Foi tanta a axuda... que tivemos que poñer outro moble! Antes de entrar fíxate nos carteis do panel, foron cedidos polo Museo de Ferrocarril de Madrid. Agardade, agardade que pronto veredes nun vídeo imaxes de todo o que describo...


Tamén está decorada a entrada do centro: As maletas cheas de libros porque, dende hai anos, temos autoservizo de lecturas. Non esquecimos a libraría do ferrocarril, o despacho de billetes nin os reloxos! Os pasaxeiros agardando coas maletas, o banco (da Estación de Renfe de Monforte) con libros para entreter a espera; o uniforme ferroviario cunha gorra que semella tamén recibir a entrada dos visitantes. As bandeirolas conmemorativas, que tanto traballo lle deron a Flor e a unha alumna do ciclo (Maculi)!, o panel "literario" informando de destinos, os carteis de cromos, o plano de metro da CDU, os debuxos de alumnos, as fotografías que ides aportando para "Nós e o tren"... Esquézome de algo? Quen sabe como medrará a nosa estación. Sempre hai alguén que vai aportando suxerencias!






Se queredes visitar a exposición de obxectos curiosos na Biblioteca, teredes que subir pola escaleira (estes días xa a deixamos libre, non vos preocupedes por tropezar!) nela veredes fotografías cedidas por Jesús Montero ou antigos carteis cinematográficos prestados por J. Luis Montero. As vías acompañarannos todo o curso posto que se irán enchendo con carátulas de libros e marcapáxinas... Pretendemos facelas chegar á porta da Biblioteca-estación (no segundo); haberá moito que andar pero como cada día sodes máis os que vos achegades por alí e os que ides axudando a poñer ilusión... digo eu que seguro que chegaremos entre todos arriba!!!

O xoves inauguramos a Exposición cunha lectura no tren (feita cos membros máis novos de Balbordo) e cunha charla do Presidente de AMAFER Fermín Avellaneda, ó que lle agradezo a súa continua axuda. Pinchade no cartel, que sintetiza esta viaxe pola nosa estación e pola nosa Biblioteca!


2 comentarios:

Anónimo dijo...

Coma sempre, unha pasada de ideas e de traballo. Parabéns cheos de envexa sa! E bicos para ambas

jmnovoa dijo...

Sodes uns auténticos artistas. Que gañas de vela in situ. O día 28 pola tarde sen falta.
Ata entón, un abrazo moi forte para todos desde Ourense.