Este xoves, tivemos na nosa biblio os alumnos franceses e ás súas profesoras acompañantes que se atopan de intercambio no noso centro. David, profesor de francés explicoulles maxistralmente a importancia da nosa lingua, así como o seu status de lingua cooficial. Falou dos seus orixes e mesmo da próxima celebración do día das Letras Galegas o 17 de maio.
Como non podía ser doutro xeito estivo presente Rosalía de Castro e a publicación de Cantares Galegos no 1863. Esta exposición estivo ilustrada pola proxección dun vídeo no que Luz Casal, na Quintana, canta Negra Sombra.
Tras esta introducción pasouse a ensinarlles algunhas expresións en galego, e non poido faltar o xa famoso "Non hai fronteiras" e o vídeo de Tanxugueiras.
Rematamos a sesión ao ritmo de Pano Corado, do anterior grupo, declaración de amor universal nuns tempos tan complicados como os que estamos a vivir.
A experiencia foi do máis enriquecedora xa que nos permitiu dar a coñecer algo da nosa lingua ao tempo que coñecemos cál é a situación doutras linguas en Francia. Parabéns a David, ás profesoras acompañantes e aos rapaces e boa viaxe de volta!
Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador.











0 comentarios:
Publicar un comentario