O amor nos tempos da COVID

O furacán da COVID-19 revolucionou as nosas vidas e como non, o amor, tanto nas súas manifestacións como na propia concepción do mesmo. Dende Bibliocabe e inspirándonos no título da mítica obra de Gabriel García Márquez, pedímoslles aos nosos alumnos unha reflexión sobre o amor nos tempos da COVID, tema que tan directamente lles concerne pola súa idade. Estas son algunhas das súas interesantísimas reflexións:

- A COVID pechou a realidade facial, pero abriu a interior. Poidemos ver con claridade quen nos ama e a quen amamos de verdade. 
- Como ben representa o cadro de R. Magritte, "Os amantes", a COVID pode que fixera desaparecer os bicos, pero nunca logrará que desapareza o amor. Aínda que sexa a distancia, o amor perdurará.
- Tivemos que adaptarnos a unha nova forma de vivir, a un mundo distinto, novo que nos obriga a cambiar os nosos costumes e polo tanto obriga ao amor a adaptarse a esta nova situación: "agora xa non pode ser un  amor totalmente físico, ten que ser máis emocional".
- O amor sobrevive ás dificultades: as persoas somos capaces de mantelo e mesmo de darlle unha dimensión moito máis ampla. Nestes tempos da COVID, o amor fíxose máis xeneroso, non só se limita a seres queridos e a amigos, tamén se extende cara a todos aqueles que están enfermos e son máis vulnerables.
- A COVID dificulta  a existencia do amor pero non a imposibilita. Na historia, vense situacións nas que soldados vían día a día a morte ao seu carón, e o único que tiñan era unha foto da súa  amada xunto coa esperanza dalgún día volver a casa e envellecer xuntos. Se na guerra se pode, coa COVID tamén.
- O amor non cambiou. A forma de demostralo sí, pero o sentimento é o mesmo. Tal vez fíxose máis forte porque agora témonos que esforzar máis en demostralo e buscar outras maneiras de facelo.
- O amor nos tempos da COVID transformouse, chegou acompañado de moitas máis emocións, compaixón, gratitude,  bondade, altruismo, ..., o amor convertiuse en algo máis profundo.
- O amor polo outro, pola humanidade, a empatía, a conciencia, é a única forma de poder sair, e non soamente ao balcón!!.


  

 
 
 
 

 
Grazas aos nosos alumnos que participaron nesta actividade, especialmente a: Ariadna, Efrén, Gael, Sara D., Alejandra, Carla, Sara R., Irene, Carolina, Xiana, Aroa, ...
 
Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador
 

0 comentarios: