MULLERES NO CHAN

Hoxe no noso centro ó pé do home da columna (que alberga dentro del recortes de prensa sobre a violencia) había tres mulleres que simbolicamente quixemos representasen diversos modelos de situacións degradantes.

Algunhas saben que non poden falar sen que lles den permiso, que non poden ser felices, que teñen ollos pero non poden ser miradas...

Outras teñen a boca tapada por insultos, ameazas e terror...

Unhas sofren os golpes que marcan deixando cicatrices irreparables (tamén para quen as mira) ou levan no seu ollar a tristeza de ser golpeadas no seu orgullo interior e de pensar que están tan humilladas que non serven para nada.

Son moitas tamén as que, aínda vivindo nun mundo "privilexiado", soportan a opresión muda de non poder expresar sen medos a súa propia liberdade.

Tamén has hai, e moitas, cada vez máis, que saíron dun buraco fondo e saben que malia presión constante, os insultos, o acoso, o non recoñecemento de que as están afogando... poderán rir a gargalladas cando sintan que recuperaron a sensación de que xa nunca lles arrebatarán o seu dereito a non ser dirixidas.

As mulleres "no chan" non son máis que o resultado do medo dalgúns homes a perder a súa mal entendida "masculinidade". Só tés que observar ó teu redor e verás... Éche indiferente?


0 comentarios: