Dende Santiago de Compostela… CAMIÑANDO CON RODIN
O pasado venres 9 deste mes aproveitei a miña mañá libre para achegarme máis a unha das figura máis importantes da arte: Auguste RODIN. Durante un tempo, o famoso escultor atópase na Coruña. Dende o 25 de setembro ata o 15 de novembro, de 12 a 14h e de 18 a 21h, grazas á Obra Social da Fundación ’’la Caixa’’, ábrese gratuitamente no Palacio de Exposicións Kiosko Alfonso unha exposición do gran escultor. As obras presentadas son orixinais procedentes do Museo Rodin, en París, copias e versións que o xenio realizou ata quedar coas definitivas. Así pois, temos unha versión en bronce da Pequena serea, Je suis belle… ou unha copia do Pensador, O Bico, Balzac, os Burgueses de Calais, a Idade do Bronce… É extraordinario poder contemplar estas obras, estar tan cerca do pensamento de Rodin, un home que durante a maior parte da súa vida foi rexeitado pola súa imaxinación, obras que supoñían romper cun molde atascado. O noso xenio parisiense é de finais do século XIX, nacido arredor dunha sociedade puritana e onde prevalecía o tradicional. Así, os seus primeiros anos non foron fáciles, non sendo admitido na Escola de Belas Artes. Pero aprendeu da man da Petite École e tras ser animado polo pai Eymard, seguiu crendo nas súas obras xunto con Antoine-Louis Barye. Non obstante, as críticas e os desprezos continuaron ó expoñer en 1877 a Idade Do Bronce. Aínda así, a Rodin se lle encarga unha porta monumental de bronce para o Museo de Artes Decorativas de París. Para iso, como fonte de inspiración tomou a Divina Comedia de Dante, e do mesmo xeito que Ghiberti ó facer as súas Portas do Paraíso, o escultor francés realizou as Portas do Inferno. O Museo nunca foi construído e a entrada nunca rematada, pero a mesma foi a orixe para moitas das obras posteriores de Rodin: O Pensador, O Bico… A parte, Rodin realizou moitas máis obras como o polémico Balzac (en honor ó famoso escritor) ou os Burgueses de Calais (lembrando un dos moitos episodios da Guerra dos Cen Anos). Ambas foron encargos rexeitados. Tamén realizou esculturas cargadas dun forte simbolismo, ata tal punto que nas Tres Faunas ou na Noite podemos ler un poema de Rubén Darío ou de Baudelaire. Grazas as súas texturas rugosas, a ese movemento incontrolable miguelanxelesco, a esas miradas cheas de paixón, Rodin incítanos a que ata falemos coa figura que temos diante, unha obra viva. Non foi ata 1900 nunha exposición retrospectiva de Rodin cando o mesmo se converteu nun artista idolatrado. Grazas a isto, puido pasar os seus derradeiros 17 anos da súa vida disfrutando do éxito na súa vila de Meudon. Tras botar unha ollada ó incansable Rodin por medio das súas esculturas, fun dar un paseo polas rúas da cidade marítima e observei a natureza con outros ollos, dinme conta de como a mesma estaba chea de símbolos, de figuras agochadas entre as árbores, dun mundo de fantasía detrás da realidade, unha atmosfera como a que plasmaba Rodin. Ó fin e o cabo, a arte non está tan lonxe como pensamos. Moitos saúdos!!!
María Rodríguez Carballo.(Ex-alumna do IES Río Cabe)
María Rodríguez Carballo.(Ex-alumna do IES Río Cabe)
1 comentarios:
Estupenda entrada e estupenda exposición. Saúdos artísticos.
Publicar un comentario