Cando a nosa Biblioteca soñou que era dos nenos

Dende o pasado luns ata hoxe a Biblioteca encheuse de colorido, de fantasía, de miradas asombradas, de voces, sorpresas que saían dos libros, notas nun encerado nas que os maiores deixaron as súas impresións... Foi unha semana na que as mans de moitos rapaces pasaron follas e follas ata que se detiñan naquela páxina que posiblemente lles fixo esquecer por un instante que estaban nunha Biblioteca e lles levou a soñar.

Pero entre todas as visitas, posiblemente a máis especial foi a dos nenos de infantil e primaria de tres Colexios Públicos de Monforte; estes dous últimos días acompañáronnos as súas profesoras para que poidesen visitar a exposición.

A mirada asombrada do noso alumnado cando os pequeniños subían a escaleira e corrían cara á Biblioteca, o entusiasmo dos nenos cando entraron pola porta máxica, lles contaron contos (nun dos días incluso contamos coa colaboración de catro rapazas de Bacharelato!), relataron historias, escoitaron atentos, miraron os libros e os tocaron... foron un verdadeiro regalo para nós.

Fixéronnos pensar en que, posiblemente, dentro duns anos, moitos deses mesmos nenos acudirán con entusiasmo tamén á nosa Biblioteca para atopar alí a ilusión de ler.

MOITAS GRAZAS ós rapaces e ás súas profes!

Mirade como nos encantaron a todos!!!!

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Ola, son María do Ceip de Cervo. Douvos a noraboa por esas actividades que organizades contando cos centros de primaria, dese xeito axudades a desmitificar o instituto como algo lonxano aos máis pequechos.
Estes días circula polos blogs un agasallo, nós queremos compartilo co voso blog e invitámosvos a que visitedes o noso para recibilo.
Agardamos que vos guste.
Unha aperta

Begoña dijo...

Noraboa polo voso traballo, deixámosvos un agasallo no Blogfesquío.
Unha aperta.