Nestes tempos en que o galego está perdendo falantes, especialmente entre as xeracións máis novas, cremos que é necesario pólo en valor. Un dos prexuízos máis repetidos é que o galego non é útil alén de Ponferrada, mais como di Castelao o galego –con pequenas variantes- é un idioma extenso (fálase nos cinco continentes) e útil (é falado por perto de 300 millóns de persoas).
Esta é a idea do Proxecto Interdisciplinar realizado polos alumnos de 1º de ESO co seu profesor Marco Piñeiro, na materia Formación de Usuarios: facer ver, de xeito obxectivo, a utilidade da nosa lingua e facer que os alumnos exploren na xeografía destes países (onde se encontran); nas personalidades importantes de cada país; na súa cultura, a través dos seus monumentos e da súa gastronomía; das súas paisaxes, tan diferentes á nosa Galiza.
A través de presentacións realizadas polos nosos alumnos, responderanse a cuestións como:
Que ten que ver Angola coa Galiza? A lingua.
Que similitudes hai entre entre Mozambique e a Galiza? A lingua
Que puntos en común teñen Sao Tomé e Príncipe coa Galiza? A lingua
Que relación hai entre Cabo Verde e a Galiza? A lingua. Ademais moitos caboverdianos traballan ben integrados na Mariña.
Que relación ten o Brasil coa Galiza? A lingua. Asemade moitos emigrantes galegos instaláronse no Brasil
Que une Macau (na China) coa Galiza? A lingua
Que une Goa e Diu (na India) coa Galiza? A lingua
Que nos achega a Timor Leste (illa enriba de Australia)? A lingua
Así, tras ver as presentacións de Angola, Mozambique, Sao Tomé e príncipe, Cabo Verde, Brasil, Macau, Goa e Diu, Timor Leste..... chegaremos á conclusión de que con todos estes países e con Portugal podémonos comunicar con pequenas variantes.
De seguido tedes un pequeniño exemplo de presentacións realizadas polos alumnos:
Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador
0 comentarios:
Publicar un comentario