Esta entretida novela de Xesús Manuel Marcos é moi recomendable por distintas razóns: a trama principal do misterio que vertebra a historia bifúrcase en interesantes e múltiples ramificacións que envolven a moitos personaxes. Todos agochan algo, presentan unha cara oculta... ou axudan (coa descrición das súas vidas, comportamentos e recordos) a artellar unha nova temática que se acopla perfectamente á trama principal e completa o crebacabezas que pouco a pouco vai enchendo o lector cando xunta partes dispersas dunha información proporcionada polo narrador no momento xusto.
Carlos Fabián, capitán de policía en Bos Aires, volta á súa terra para asistir ó enterro do seu irmán, médico que sofre un accidente aparentemente casual. As súas averiguacións lévano a descubrir que a morte foi provocada e que nese lugar idílico e illado escuras cuestións políticas, intereses económicos (unha canteira) e disputas persoais conviven coa calma e tranquilidade dunha paisaxe/forma de vida que reflicte a calma. A súa prolongada estancia permitiralle tamén tomar contacto coas xentes sinxelas e traballadoras que defenden vivir na vila, cunha sarxento de policía, Carla, que lle axuda a resolver o misterio... e, coa súa propia vida, cun pasado familiar agochado que peta con forza para saír.
Destaca a forza dalgúns personaxes complexos, con luces cambiantes, atormentados... algúns penso que serían merecedores de protagonizar outra novela.
É reseñable a ambientación/descrición perfectamente recoñecible do Courel ou as Terras de Lemos. Non adoitan ambientarse este tipo de temática novelística no rural. Outro mérito, penso, que a fai máis orixinal.
XXI Premio Risco de Creación Literaria. Edita Dr Alveiros.
0 comentarios:
Publicar un comentario