25 de Novembro. As caras da violencia de xénero

Co fin de visibilizar e concienciar contra a violencia de xénero, dende a Biblioteca propuxemos aos nosos alumnos que nos aportasen a súa visión sobre esta terrible realidade, ainda máis agudizada pola situación de pandemia da COVID. A súa postura debía quedar reflectida nunha fotografía ou nun debuxo realizados por eles e acompañados dunha mensaxe. 

Moitos deles fixeron fincapé na necesidade de visibilizar moito máis esta situación sobre todo na realidade que nos toca vivir; así Ariadna Valdés dinos "que a mascarilla non tape a túa dor", Nicole Rodríguez instanos a quitarnos a máscara e a non ocultar a nosa dor. Pola súa parte, Gael Mariño fai unha interesantísima reflexión ao afirmar que a violencia machista perxudica a todos (homes e mulleres). Na súa impactante fotografía amosa a un home paseando só pola noite, e deseguido resalta o que o maltrato fai ver:" un violador na busca dunha muller soa".

Deixámosvos con algunhas destas "reflexións fotográficas".

 







 
Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador

 


Visitas guiadas á exposición "Entre libros, probetas, pipetas e matraces"

Neste mes de Novembro da ciencia, o alumnado da ESO visitou, en grupos burbulla e acompañados dos seus profesores á exposición que con este motivo temos na Biblio. Ante as explicacións dos nosos guías, Xurxo Labrador, José Vicente Duarte e Juán Redondo (membros do departamento de Física e Química), os rapaces puderon coñecer o funcionamento dos tubos de raios catódicos, do arco voltaico, da cubeta de ondas, das balanzas granatarias, do equipo de destilación, ...., e mesmo tamén aprenderon como provocar un raio a pequena escala. A súa espontanea resposta, traduciuse en aplausos continuados e expresións de sorpresa como ohhhhhh!....

Dende Bibliocabe, queremos agradecer aos nosos guías a súa profesionalidade, paciencia, didáctica á hora de explicar os parellos e sobre todo por facernos ver a todos que - como din os rapaces - "A CIENCIA MOLA". Grazas

 

 

 
















Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador


Mes da Ciencia en Galego. Exposición "Entre libros, probetas, pipetas e matraces"

 Con motivo do Mes da Ciencia en Galego, o equipo da Biblioteca, en colaboración cos Departamentos de Física e Química e Bioloxía, organizamos a exposición "Entre libros, probetas, pipetas e matraces". Ademáis dos libros de ciencia en galego, as estrelas da exposición están sendo: os tubos de raios catódicos, a cubeta de ondas, os microscopios ópticos, as balanzas granatrias de precisión, a cámara de cine, ..., e por suposto, as pipetas, as probetas e os matraces.














Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador

 


Nove meses, nove escritoras galegas. Arantza Portabales

Este mes a nosa suxerencia lectora é que descubrades a obra de Arantza Portabales. Ademáis doutras obras dela que vos recomendamos, suxerímosvos especialmente  a lectura da súa última obra, Beleza vermella. Se sodes amantes dos thrillers, da novela negra, seguro que vos atrapará, vampirizará e absorverá. Xa nos contaredes!.



Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador


Novembro. Mes da Ciencia en Galego

Nesta situación de alerta bermella e peche perimetral na que nos atopamos, non hai mellor forma de evadirse que a través dun libro. Aproveitando que estamos en novembro (mes da Ciencia en Galego), suxerímosvos a lectura dalgunha obra ou ben científica ou ben que teña algunha relación coa ciencia. E xa como algo moi especial, saliantamos Curiosidade, de Estibaliz Espinosa, que vincula poesía e ciencia.

Agardamos que a nosa selección sexa do voso agrado.


Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador


Samaín 2020. Pasando medo en galego

Este Samaín, no que debido Á COVID, non podemos ver todos xuntos películas de terror na Biblio, comer horripilantes chuches, e berrar ata quedar sen folgos, non por iso deixamos de recomendarvos seguir coa nosa tradición. Iso sí, este ano na vosa casa, en familia e arroupados por unha manta.

 

Deseguido, deixamos algunhas recomendacións. A maioría atoparédelas na rede.

  • La campana del infierno. Esta peza de terror psicolóxico ten á Santa Compaña como telón de fondo. É unha película maldita xa que o seu director matouse ao caer do camposanto da igrexa de San Martiño en Noa, onde se estaba a rodar. 

 

  • Romasanta. Inspirada na lenda do home lobo de Allariz.

 
  • Lobos de Arga. Relata como un escritor e o seu editor atópanse na Galiza rural onde se enfrontarán a maldicións centenarias, rituais escuros, e mesmo a un pobo enteiro de homes lobo. Pódese ve en Filmin.

 
  • Os difuntos falaban castelao. Esta curta transcorre na noite de difuntos, cando os veciños dunha aldea comezan a escoitar voces dende o cemiterio que falan en castelán. Está inspirada en Á lus do candil de Anxel Fole.

 
  • Limbo. Esta obra conta a historia de Xosé, un home que, incapaz de aceptar a nova realidade da súa vida, remata caendo nunha espiral de autodestrucción pola que arrastra á súa muller e á súa filla. Limbo estivo nominada en 140 festivais arredor do mundo. Actualmente está nominada ao Méliés d´or e calificada para os premios Goya 20/21.
 
 
Publicado por Flor R. Lemos e Xurxo R. Labrador